Os acusados no crime de Silleda cúlpanse entre si da autoría

    xuizo_silleda_100_100309.jpgPONTEVEDRA> Os procesados ofreceron tres versións distintas dos feitos durante a primeira xornada do xuízo.

    {flowplayer}images/salnes/100309_xuizo_crime_silleda.flv{/flowplayer}

    O xurado popular encargado de xulgar ós acusados polo crime de Silleda tivo que escoitar onte cómo os tres procesados negaban a autoría dos feitos e se inculpaban uns ós outros. Juan José Bertolo Ferreiro, dono do taller mecánico no que se atopou a arma homicida, foi o primeiro en declarar ante o Ministerio Fiscal. Bertolo admitiu que coñecía a unha das vítimas, Víctor Manuel González Silva, xa que lle mercara un coche e en ocasións tamén lle levaba vehículos para reparar. O acusado asegurou que el só se limitou a concertar unha cita entre González Silva e José Ramón Rey Docampo, outro dos supostos autores do crime. Foi o 26 de maio do 2005, o día no que se produciron os feitos. Segundo Bertolo, esa noite, Rey Docampo achegouse ó seu taller para entregarlle unha pistola dicindo que ‘estaban mortos’. Á pregunta de por qué se atopaba na pista na que apareceron os corpos preto das cinco da mañá, o acusado respondeu que quería comprobar se era verdade que Docampo matara a dúas persoas.

    Durante a súa intervención, Rey Docampo dedicouse a devolver a acusación de asasinato a Bertolo, sinalándoo como posible autor material dos feitos. Docampo tamén o acusou de intentar inventar unha coartada para enganar á Garda Civil, dicindo que a noite dos feitos estiveran ceando en casa do terceiro dos procesados, Carlos Montoto Sanmartín. Este último confirmou que a coartada era falsa e defendeu a súa inocencia alegando que a noite do 26 de maio estivo xogando unha partida e nunha perruquería a 35 quilómetros do lugar do crime.

    Juan José Bertolo foi o único dos acusados que recoñeceu que os asasinatos puideron estar vinculados cun axuste de contas por drogas, e culpou a Rey Docampo de traficar con estupefacientes, algo que este negou durante a súa declaración.

    Redacción Salnés