CAMBADOS> Cambados vai celebrar o día do libro co lanzamento dunha publicación centrada en Francisco Asorey. Trátase dunha biografía do escultor, adaptada á rapazada máis miúda. A través de ilustracións, faise un percorrido pola súa traxectoria, así como seu legado. Vaise lanzar unha tirada de 2.000 exemplares.
Cambados segue celebrando o Ano Asorey. Desta volta, aproveita a conmemoración do Día do Libro para lanzar unha publicación centrada na vida do escultor. Está pensado para a rapazada máis cativa.
Un dos obxectivos do libro é achegar a obra do escultor aos nenos e nenas de Cambados, para que xa dende ben pequenos saiban valorar o importante legado que deixou.
Para conseguir achegar o escultor á rapazada, o libro énchese de vistosas ilustracións, ao tempo que bota man dalgúns dos episodios máis senlleiros do autor.
Deste libro fíxose unha tirada de 2.000 exemplares. Repartirase polos colexios e tamén se poderá recoller na biblioteca. Nese mesmo espazo, tamén coincidindo co Día do Libro, a veciñanza poderá levar para casa libros relacionados coa historia de Cambados.
Ademais das publicacións relacionadas con Asorey, mañá estarán a disposición dos usuarios da biblioteca libros sobre Plácido Castro, Filomena, Ramón Cabanillas ou a última edición do premio Mar de Letras do instituto Asorey.