Comezan por fin os traballos para eliminar o cadillo da praia da Concha-Compostela

VILAGARCÍA> Comezan os traballos de rexeneración da praia da Concha-Compostela de Vilagarcía. Boa parte da actuación centrarase na eliminación do cadillo, a especie invasora que cubre xa boa parte da contorna. Estes traballos, demandados por numerosos veciños dende hai anos, terán un investimento de medio millón de euros.

Trátase dunha actuación que estaba previsto que arrancase no pasado mes novembro, pero que se retrasou ata agora. Esta tarde botaban a andar eses traballos de rexeneración da praia da Concha-Compostela. Unha actuación que, entre outras cousas, erradicará o cadillo, especie invasora que cubre xa boa parte da superficie.

Os traballos prolongaranse durante cinco meses. Sobre a mesa estivo a opción de retrasalo a despois do verán, para non ver afectadas as actividades lúdicas habituais nesta zona. Unha opción que se descartou porque, coa chegada da calor, volvería florece-lo cadillo, o que provoaría que continuase propagándose.

A intervención afectará a unha superficie de 65.000 metros cadrados. A actuación consistirá en algo así como darlle a volta ao areal, recuperando a area de boa calidade que agora mesmo está soterrada. 

A rexeneración comezará contra o pinar, para deixar lista canto antes a zona na que se vai celebra-lo Atlantic Fest no mes de xullo.