As adegas ultiman os preparativos para o arranque da vendima do 2019

SALNÉS> O Salnés prepárase para a vendima deste 2019. As altas temperaturas das dúas últimas semanas aceleraron o proceso de maduración, e moi pronto a uva estará lista para ser recollida. De feito, hai adegas que xa teñen previsto arrincar coa campaña esta mesma semana. Unha delas é a cooperativa cambadesa Martín Códax.

Os viticultores da comarca do Salnés están a piques de recoller os froitos do traballo desta campaña. Ademais, de xeito literal. O arranque da vendima é cuestión de días, despois de que as altas temperaturas das últimas semanas aceleraran a maduración.

A Denominación de Orixe Rías Baixas calcula que esta campaña recolleranse uns 36,6 millóns de quilos de uva. A subzona con máis produción é a comarca do Salnés. Adegas como Martín Códax xa se preparan para a vendima.

Aínda que a finais desta semana comezarán a recoller nalgunhas parcelas, o groso da vendima arrincará a vindeira. As tarefas céntranse agora en planificar e preparar o momento da recollida da uva en función dos viños que van elaborar.

A colleita deste 2019 será un pouco máis escasa que a do ano pasado. Os 36,6 millóns de quilos de uva calculados polo Consello Regulador supoñen un 5,2% menos que o recollido na campaña anterior. Con ese volume, elaboraranse ao redor de 24 millóns e medio de litros de viño Rías Baixas.