Amplo despregue de medios na extinción dun incendio forestal

    incendioforestalboiro.jpgBOIRO> O lume, que afectou as parroquias de Bealo e Macenda, propagouse con rapidez por mor dos fortes refachos de vento.

    O bo tempo desta pasada fin de semana favoreceu a propagación de varios incendios nos montes galegos. O máis importante destes lumes afectou, na tarde de onte, a comarca da Barbanza, concretamente as parroquias boiresas de Bealo e Macenda. Na súa extinción participaron numerosos medios humanos e técnicos.

    O aspecto queimado do lugar de Insuachán, na parroquia boiresa de Macenda, traía a memoria o verán de 2006, cando unha vaga de lume asolou os montes da comunidade galega. Segundo fontes de Medio Rural, o lume calcinou pouco máis de once hectáreas, a meirande parte monte arborado, pero dende a Comunidade de Montes de Insuachán ofrecen outro dato ben distinto, xa que estiman que a superficie queimada se podería achegar as oitenta hectáreas.

    {flowplayer}barbanza/incendioforestalboiro.flv{/flowplayer}

    Segundo informou Medio Rural, o incendio iniciouse contra as doce do mediodía na estrada de Bealo. Inmediatamente se movilizaron varias cuadrillas forestais, tres helicópteros e tres hidroavións, Grumir de Boiro e Noia e cinco motobombas. O lume quedou controlado a partir das tres da tarde e totalmente apagado a última hora da tarde. Os fortes refachos de ventos do norte desprazaron as lapas cara unha zona lindeira entre os concellos de Boiro, Rianxo e Lousame, alonxándoas das vivendas.

    O incendio forestal de onte na comarca da Barbanza foi o segundo en importancia acontecido na comunidade galega dende o inicio da temporada de verán. A Consellería de Medio Rural manterase en alerta perante o alto risco de incendios, sobretodo nestes días, nas que as predicións anuncian que o bo tempo e as altas temperaturas terán continuidade.

    Redacción Barbanza