Meis pide que a Semana Santa de Paradela sexa de ‘Interese Turístico’

semana_santa_paradela100_300909.jpgMEIS> O Concello iniciou xa o proceso para que a Semana Santa de Paradela sexa declarada Festa de Galicia de Interese Turístico.

{flowplayer}images/salnes/semana_santa_paradela.flv{/flowplayer}

MEIS> O Concello de Meis iniciou xa o proceso para que a Semana Santa de Paradela sexa declarada Festa de Galicia de Interese Turístico. A proposta foi aprobada por unanimidade no pleno celebrado onte á noite.

Segundo o Concello os actos da Semana Santa de Paradela son un dos grandes atractivos turísticos da localidade na que cada ano se dan cita miles de persoas. Nesas datas os propios veciños participan masivamente nas recreacións da paixón, morte e resurrección de Xesús. O equipo de goberno considera que é o momento de outorgarlle a esta celebración a mesma categoría que teñen outras festas que se organizan no Salnés.

Para iso, hai meses iniciouse a recollida de información sobre a Semana Santa de Paradela, que será remitida agora á Xunta. Non se sabe cando se comezaron a celebrar estas escenificacións, pero estímase que se fai desde hai máis de dous séculos.

A festa comeza o Domingo de Ramos, coa entrada de Xesús montado nun burrico e acompañado polos apóstolos. Ésta é a recreación máis recente de Paradela xa que se realiza desde hai dez anos. O seguinte acto é no Xoves Santo. A medianoite recréase a Última Cena, a traizón de Xudas e o prendemento e xuízo a Xesús no Monte dos Olivos.

A representación máis espectacular é a do Venres Santo, cando se fai a crucifixión e desencravo de Xesús. Por último, o Domingo de Resurrección escenifícase a falta de Xesús no sepulcro e dáse por finalizada a Semana Santa de Paradela.

Redacción Salnés