A música e a danza tradicional inundarán Vilagarcía a partir do luns

    folclore250_300909.jpgVILAGARCÍA> Celébranse as II Xornadas de Folclore de Sobradelo. Serán seis días adicados á cultura galega nos que terán cabida obradoiros, proxeccións audiovisuais e un festival de baile.

    A Asociación Cultural Nós embarcouse de novo na programación dunha completa semana adicada á cultura galega. As II Xornadas Folclóricas de Sobradelo arrincan o vindeiro luns cunha serie de actividades coas que se intentará dar a coñecer máis polo miúdo, desde os cantos populares ata os bailes ou as características dos traxes tradicionais.

    Papel destacado terán os obradoiros que se impratirán entre o día 5 e o 9 outubro na Casa de Cultura de Sobradelo. A hora de comezo, as sete da tarde, e a participación é gratuíta.

    A estes obradoiros sumarase tamén durante toda a semana a proxección de documentais gravados polos membros da Asociación durante as súas visitas a diversos puntos de Galicia. Neles amósanse os cantos e bailes tradicionais destes lugares.

    Para os namorados da indumentaria tradicional, a Casa de Cultura de Sobradelo acollerá neses días unha exposición permanente de traxes, abalorios e instrumentos de música tradicional. A clausura das xornadas será o sábado día 10, cun festival folclórico no que actuarán a formación de baile e gaitas da Agrupación Nós e o grupo folclórico Aldaba de El Escorial, Madrid. Será a partir das 18:30 hrs. na praza de Galicia.

    Redacción Salnés