Rianxo repartirá unhas catro mil racións de mexillón esta fin de semana

RIANXO> Nova cita gastronómica esta vindeira fin de semana en Rianxo. Esta mañá presentábase a décima edición da Festa do Mexillón na que se prevé repartir preto das catro mil racións deste produto en oito receitas diferentes. A organización corre a cargo un ano máis da Asociación gastronómica e cultural Festa do Mexillón de Rianxo e o Club de Remo Rianxo, que contan coa colaboración do Concello.

Os padais máis exquisitos terán unha nova cita esta vindeira fin de semana en Rianxo coa celebración da décima edición da Festa do Mexillón. A cita gastronómica, organizada pola Asociación Gastronómica e Cultural Festa do Mexillón de Rianxo e o Club de Remo Rianxo, desenvolverase como é costume no Campo de Arriba, nunha carpa instalada para a ocasión. A festa terá unha dobre finalidade, por unha banda, poñer en valor o mexillón, e por outro, contribuír ó financiamento do Club de Remo. A organización agarda repartir este ano preto das catro mil racións de mexillón, cociñado en oito receitas diferentes.

Dende o Concello, unha das entidades colaboradoras tamén da festa, animan a acudir esta vindeira fin de semana a Rianxo e degustar así dun produto característico da nosa Ría.

A organización preparou un amplo programa de actividades paralelas á degustación, que traerán música e tamén xogos e inchables para os máis pequenos.