O concello busca nova ubicación á casa de cultura de Dorrón

    casa_cultura_dorron_100_301209.jpgSANXENXO> A concellería de Obras baralla emprazar o edificio nunha parcela de 5.000 metros cadrados situada entre Os Cotos e A Granxa.

    Unha parcela de máis de cinco mil metros cadrados podería ser o lugar no que finalmente se edifique o novo centro cultural de Dorrón. Está situado no Chan Urbanizable número un, entre os lugares de Os Cotos e A Granxa. Desde a concellería de Obras e Infraestruturas de Sanxenxo consideran que esta sería unha zona axeitada para levantar o edificio. Conta con bos accesos, unha ampla zona de aparcamento, vistas ó mar e as dimensións da finca permitirían incluso engadir nun futuro outros equipamentos públicos.

    O concello de Sanxenxo decidiu estudar este novo emprazamento para reservar os terreos adquiridos ó carón do CEIP Magalláns, nas inmediacións do actual centro cultural, para posibles ampliacións do colexio. Polo de agora, xa informaron desta proposta ó presidente da Asociación de Veciños San Xoán de Dorrón, para contar coa opinión do colectivo antes de tomar unha decisión definitiva.

    A Casa de Cutura de Dorrón construirase ó longo do 2010 xunto ó centro cutural de Adina. Ámbolos dous edificios terán o mesmo deseño e dimensións, unha planta de 398 metros cadrados. Contarán cun salón de actos, unha sala de formación, dous despachos, porche, hall, almacén, aseos, vestíbulo e cuarto de instalacións.

    Redacción Salnés