O Concello de Vilanova mellora os accesos de Fonsín

    fonsin100.jpgVILANOVA> O Concello de Vilanova está a habilitar na zona de Fonsín, en Baión, un carril de aceleración que dará acceso …

    … á rotonda do polígono, permitindo así ós veciños do lugar facer o xiro cara a PO531 en dirección a Pontevedra.

    Deste xeito o goberno local trata de resolver os problemas nas comunicacións de Fonsín, xerados polas obras do polígono industrial. De feito a actuación que se está a acometer agora foi acordada cos propios veciños afectados nunha reunión mantida co alcalde Gonzalo Durán. Esta semana os operarios municipais están a traballar na zona dándolle máxima urxencia a estas obras.

    Pero a parte das comunicacións ós veciños reclaman unha solución ó problema de inundacións que padece o lugar por mor das obras do novo acceso ó porto de Vilagarcía. O goberno local afirma que inda non recibiu resposta algunha por parte de Fomento, en relación coas últimas riadas.

    A pasada semana o Concello remitiu por vía de urxencia o informe elaborado pola Policía Local ó Seprona e Augas de Galicia denunciando un vertido de materias por parte da empresa adxudicataria das obras. Estes materiais taponaron o curso do regato de Fonsín e provocaron o seu desbordamento. Foi entón, cando o Concello reclamou solución inmediata ó Ministerio de Fomento, de quen depende o control das obras do novo acceso ó porto.

    Redacción Salnés