O fillastro de Laureano Oubiña senta no banco da Audiencia Nacional

    DAVIDPEREZLAGO copia.jpg SALNÉS> David Pérez Lago, e outros trece imputados, comparecen como presuntos integrantes dunha rede de tráfico de estupefacientes.

    A fiscalía solicitaba en principio penas de prisión que roldarían entre todos os 200 anos, pero de declararse culpables e aplicarse a reforma do Código Penal, as condenas poderían reducirse á metade. É a estratexia que acordaron doce dos catorce imputados, entre eles o fillastro de Laureano Oubiña, o vilagarcián David Pérez Lago. Declararse culpables dos cargos que se lles imputan para conseguir unha redución das penas. Esta mañá, Pérez Lago seguiu o guión marcado e admitiu ser o líder da banda que en abril do 2006 conseguiu desembarcar preto de dúas toneladas de cocaína en Corme, A Coruña. O grupo, formaría parte dunha organización dedicada ó tráfico de estupefacientes a nivel internacional, e o grupo liderado por Pérez Lago encargaríase de recoller o cargamento en alta mar e introducilo en Galicia. A fiscal anticorrupción Inmaculada Álvarez pide para el 20 anos de cadea, unha pena que podería verse reducida á metade de aceptarse a atenuante de arrepentimento tardío e a aplicación da recente reforma do Código Penal.

    A Fundación Galega contra o Narcotráfico reitera a súa oposición a esta reforma do Código Penal, xa que as condenas ós grandes narcotraficantes deberían ser exemplarizantes, do contrario, din, o tráfico de drogas a gran escala acabará saíndo moi barato.

    A Fiscalía anticorrumpción pide para os outros tres detidos 18 anos de cadea. Once acordaron como Pérez Lago admitir os cargos, pero dous desmarcáronse, por iso se celebra agora a vista. Trátase da avogada arousá Tania Varela, ex-parella de Pérez Lago, e José Vidal Padín.

    Redacción Salnés