Cambados leva a pleno o martes un presuposto ‘austero’ de 8,6 millóns

    aragunde100.jpgCAMBADOS> O PP de Cambados presentará o martes ó pleno ‘un orzamento austero que pretende axustar os gastos, pero que inclúe investimentos salientables‘.

    Destaca o equipamento para a posta en marcha deportes náuticos no Saco de Fefiñáns; a renovación e reforzamento do alumeado público na praza do Concello, Fefiñáns e contorno do pazo de Montesacro, e a sexta fase da reurbanización da rúa Narciso Pérez.

    Entre as principais partidas de gastos destínanse 80.000 euros ó Servizo de Axuda no Fogar, dez mil máis que o ano anterior. Mantense a partida de 30 mil euros creada en 2008 para actividades da terceira idade e os gastos de actividades culturais e deportivas roldan os 100.000 euros. As partidas para subvencionar entidades benéfico-asistenciais, culturais e deportivas elévanse a 115.000€.

    O goberno local destaca que neste presuposto hai unha baixada no capítulo de gastos correntes de case 219.000 euros, e de 121.000 euros nos gastos financeiros, como consecuencia do descenso dos tipos de interese.

    No referente ós ingresos prevense baixadas relevantes nas transferencias correntes (duns 442 mil euros), debidas sobre todo ó descenso da participación nos tributos do Estado, e no capítulo dous (de 320.000 euros) debido ó descenso na solicitude de licencias urbanísticas. O orzamento para 2010 ascende a uns 8,6 millóns, un millón menos que no 2009.

    Redacción Salnés