O Centro de Saúde de Catoira contará este ano con servizo propio de Sintrom®

    CATOIRAO Xerente de Atención Primaria do SERGAS e a Directora de Enfermería a nivel provincial achegáronse ata Catoira para coñecer de primeira man as necesidades actuais do Centro de Saúde. A atención ós pacientes ampliará os seus horarios en breve cara servizos cada vez máis demandados, caso das analíticas ou o Sintrom®. 

    Durante a visita ó Centro de saúde catoirense, tanto o Xerente, Carlos Eirea, como a Directora de Enfermería, Rita Doval, estiveron acompañados polo alcalde, Alberto García, quen destacou o bo funcionamento do centro a tódolos niveis. Sen embargo, o que si constataron é unha necesidade de redefinir algúns espazos e facelos máis útiles para o día a día, caso dun amplo almacén inutilizado que será convertido en sala de extracción ou a conexión dalgunha consulta hoxe separada entre enfermeiros e médicos. Tamén se habilitará unha saa para o seu uso como biblioteca e informatizaranse progresivamente as consultas, tanto as de médicos como as de enfermería. Asimesmo, unha das medidas que se porá en marcha en breve é a ampliación dos horario de analíticas, que na actualidade se realizan dúas veces por semana e poderían pasar a realizarse de forma diaria. Ademais, actualmente os pacientes do Sintrom® desprázanse ata Vilagarcía, pero o obxectivo é que, nun período curto de tempo, poidan realizalo control no propio Centro catoirense, que se dotará de tecnoloxías de control máis avanzadas e cómodas para os usuarios.  

    Redacción Salnés