A Xunta aumenta a 120 km/h o límite de velocidade da autovía do Salnés

    autovia_salnes100.jpgSALNÉS> A Xunta atende así as queixas dos usuarios desta vía, como xa fixo hai unhas semanas na autovía do Barbanza.

    A partir do luns xa se poderá circular pola autovía do Salnés a máis de cen quilómetros por hora. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aumentará a limitación de velocidade máxima en todo o trazado ata os 120 quilómetros/hora. Na actualidade a autovía do Salnés está limitada a 100 qm/h, ademais da existencia de tres tramos de recomendación a 80 km/h en sentido Sanxenxo e dous en sentido Curro. O departamento que dirixe Agustín Hernández toma esta decisión tras as continuas queixas dos usuarios da autovía, xa que as limitacións existentes non son ben entendidas e provocan frecuentes sancións.

    A Xunta, mediante este cambio de sinalización, pretende ofrecer aos condutores unha limitación homoxénea que ao mesmo tempo aporte a seguridade e comodidade precisas na condución. Esta decisión da Dirección Xeral de Infraestruturas conta co informe favorable da Garda Civil de Tráfico, que propón a variación do límite de velocidade a 120 km/ hora, permanecendo as limitacións preceptivas de aproximación nos dous tramos finais de cada sentido. A Xunta tamén revisará o valado en toda a extensión da autovía, por mor da irrupción de animais ceibos na calzada. Tamén se cambiarán os carteis de sinalización do mosteiro de Armenteira actuais por outros de maior visibilidade.

    Redacción Salnés