Arranca o espectáculo do fútbol base en Vilagarcía

af7_250.jpgVILAGARCÍA> Vilagarcía é desde hoxe e ata o domingo a capital do fútbol base. O torneo internacional alevín Arousa Fútbol 7 arrancou esta mañá no campo da Lomba, por onde pasarán 20 equipos. Seis son estranxeiros e entre eles destaca a presenza do Liverpool e do Omiya Ardija.

O club inglés debuta no torneo arousán, é un dos equipos máis laureados de Europa e a súa participación en Vilagarcía dálle inda máis prestixio ó Arousa Fútbol 7. A outra novidade é o Omiya Ardija, o primeiro equipo xaponés na historia deste campionato. Eles foron os primeiros en chegar a Vilagarcía esta semana e con eles abriuse o torneo esta mañá, no partido que disputaron co Sevilla.

Os outros equipos estranxeiros que estarán na Lomba son o Inter de Milán, París Saint Germain, Benfica e Tottenham. Entre os nacionais figuran o Real Madrid, Atlético de Madrid, Valencia, Athletic de Bilbao, Sporting de Gijón ou o campión da última edición, o Espanyol. De Galicia están na competición Celta e Deportivo, os catro equipos saídos da fase previa, Areaosa, Lalín, Montañeros e Val Miñor, e unha selección que leva o nome do torneo.

A organización decidiu instalar un só terreo de xogo para facilitar o seguimento ós espectadores. A entrada diaria custa dez euros e o abono para toda a fin de semana 20. A final disputarase o domingo ás oito e media da tarde.

Redacción Salnés