Vilagarcía acollerá o XXXVI Certame Modesto Rodríguez Figueiredo

VILAGARCÍA> A cidade de Vilagarcía acollerá por primeira vez o certame galego de narracións breves Modesto Rodríguez Figueiredo, …

{flowplayer}images/salnes/certame_narrativa.flv{/flowplayer}

VILAGARCÍA> A cidade de Vilagarcía acollerá por primeira vez o certame galego de narracións breves Modesto Rodríguez Figueiredo, que acada este ano a súa trixésimo sexta edición.

O premio literario está organizado pola Fundación do Padroado Pedrón de Ouro, que elixiu Vilagarcía como sede en recoñecemento á implicación que demostra o Concello na promoción da narrativa e do uso do galego. 2010 está a ser para Vilagarcía un ano especialmente intenso en convocatorias literarias. O edil de Cultura Xosé Castro Ratón lembrou que recentemente se presentaron os fallos do premio de relatos curtos Xaquina Trillo e o premio de poesía O Grelo, e que aínda está aberto o prazo para presentar obras ó premio de Poesía Fermín Bouza-Brey. Castro Ratón agradeceu a Pedrón de Ouro que elixisen Vilagarcía.

O certame Modesto Rodríguez Figueiredo é un dos máis prestixiosos da narrativa galega. Entre a nómina de galardoados nos seus 36 anos de historia figuran nomes consagrados das letras galegas como Xosé Manuel Martínez Oca, Xavier Alcalá, Víctor Freixanes ou Suso de Toro. Os interesados en participar nesta convocatoria han de presentar as súas obras antes do 15 de novembro de 2010, na fundación ou no Concello de Vilagarcía. As bases poden ser consultadas na web municipal www.ivilagarcia.com.

Redacción Salnés