Vilagarcía bótase á rúa para gozar das cinco xornadas musicais do Ágora Vermú

VILAGARCIA> Vilagarcía prepárase para unha nova edición do Ágora Vermú. Serán cinco xornadas en cinco mañás de domingo entre maio e xuño. Propostas de todo tipo, repartidas por distintas zonas e barrios vilagarciáns para encher de talento os vermús da cidade. Entre os grupos convidados deste ano, Fla-mecos, Las Antonias ou Néstor Pardo.

Disque os vilagarciáns teñen entre as súas tradicións gozar dun bo vermú. Nas vindeiras fins de semana ese ritual social será aínda máis completo cunha nova edición do Ágora Vermú. O ciclo musical regresa á cidade, con cinco propostas entre o 12 de maio e o 9 de xuño.

O Ágora Vermú arranca o domingo 12 de maio na rúa Méndez Núñez da man de Adrián Costa. O día 19, será a quenda de Fla-mecos no Piñeiriño. No último domingo dese mes, quenda para Néstor Pardo en Vilaxoán. Abren xuño Las Antonias, cunha actuación en Carril o día dous, e pechan o ciclo Onfire Quartet o 9 de xuño nos Duráns. Para os artistas convidados, todo un luxo formar parte desta iniciativa musical.

O Ágora Vermú naceu no 2016, vai xa pola súa sétima edición. Unha mostra máis, di o alcalde de Vilagarcía, do dinamismo cultural da cidade e, en especial, da diversidade de iniciativas musicais.

Todos os concertos do Ágora Vermú son de balde.