A raia en caldeirada, protagonista en Portonovo

festaraiaportonovo100_020407.jpgSANXENXO > Portonovo pechou onte tres días dedicados á raia. Foi unha xornada emotiva na que a alcaldesa, Catalina González, …

… entregou as raias de ouro a dúas persoas moi vinculadas coa vila, José Limeses e María Deza.

A raia en caldeirada foi a principal protagonista nas cociñas e comedores dos 21 restaurantes que colaboraron na décimo terceira edición da festa da Raia de Portonovo. Nos seus menús había outras modalidades pero a caldeirada foi a máis demandada polos comensais nos tres días que durou o evento. A organización destacou o éxito de participación e confirma a súa aposta por sacar a cociña da carpa e seguir cedendo o protagonismo gastronómico ós restaurantes.

raiasdeouro200_020407.jpgA festa rematou onte con outros dous protagonistas. María Deza e José Limeses, que foron distinguidos coas Raias de Ouro. Ó restaurador Limeses recoñéceselle o seu traballo por levar o nome da vila fóra de Galicia a través do seu restaurante Portonovo, e por ter nun lugar destacado da súa carta a raia en caldeirada. A María Deza agradéceselle deste xeito unha ampla labor educativa, cultura e musical e a súa calidade humana, como impulsora do Club de xubilados da vila e como presidenta da asociación Os Gatiños, entre outras moitas actividades. A emoción tamén embargou á propia alcaldesa que destacou e compartiu cos homenaxeados o seu amor por Portonovo.

Tamén recibiron o seu premio os seis gañadores do concurso de cociña. Finalmente, a Festa da Raia de Portonovo concluíu onte á tarde coa décimo terceiro festival de baile rexional e gaita galega, organizado pola asociación Os Gatiños de Portonovo.

O Mariñeiro

esculturaportonovo200_020407.jpgAproveitando a xornada festiva, a alcaldesa de Sanxenxo descubriu a escultura dun mariñeiro que preside a rotonda situada diante da lonxa de Portonovo. A obra foi realizada polo director do Centro de Arte Municipal, Carlos Salas, e representa a un pescador ataviado co traxe de auga típico da zona.

Esta iniciativa é froito dun compromiso adquirido polo Goberno local coa Confraría de Pescadores San Roque de Portonovo, co obxectivo de renderlle homenaxe a tódolos mariñeiros que deu esta vila ligada tradicionalmente ó mundo do mar. A escultura denomínase O Mariñeiro, está elaborada en bronce e conta cunha altura de duns dous metros. Ó acto asistiron membros da corporación municipal e representantes do CETS, da Confraría e Entretendas, acompañados de numerosos veciños.

Redacción Salnés