O PP impulsa unha moción para que o concello de Pontevedra esixa ao Goberno a chegada dos trens Avril

PONTEVEDRA>O Partido Popular quere que o concello de Pontevedra esixa ao Goberno central a chegada dos trens Avril. Segundo anunciaron, os populares levarán a moción ao vindeiro pleno do mes de marzo. Acusan ao Ministro de Transportes de mentir, despois de que en xaneiro Óscar Puente anunciara que estarían en funcionamento antes de finais do mes de marzo.

O Partido Popular quere que o concello de Pontevedra reclame ao Goberno do Estado a chegada dos trens Avril. A formación denuncia que este atraso prexudica gravemente á cidade e ao seu sector turístico, máis aínda coa proximidade da Semana Santa.

O pasado 5 de xaneiro, fora o propio Ministro de Transportes o que anunciara que estes trens estarían en funcionamento antes de finais de marzo. Actualmente, asegurou o propio Óscar Puente, non hai data de entrega.

A formación levará esta demanda ao vindeiro pleno do mes de marzo. Será cunha moción na que agardan contar co apoio do BNG.

Esta tarde a Xunta de Galicia confirmaba algo que adiantara Domínguez pola mañá: a intención de pedir compensacións proporcionais ao dano causado por este retraso. Reclaman tamén unha reunión urxente co Goberno para abordar a situación.