![]()
SALNÉS> Esta fin de semana ponse o peche á temporada de traíñas na Liga Galega. A competición trasládase mañá á Pobra mentres que o domingo disputarase a derradeira regata no porto de Vilaxoán. Amegrove-Interrías chega con oito puntos de vantaxe sobre Meira e con todo a favor para adxudicarse ó título.
Despois de máis dous meses de competición, a Liga Galega de Traíñas chega á súa fin. Salvo catástrofe nas últimas dúas regatas o título será para Amegrove-Interrías. A regularidade que os de José Ángel Cambados amosaron durante toda a campaña fai prever unha fin de semana triunfal para eles. O seu único rival polo título é Samertolameu de Meira, que non pasa polo seu mellor momento e ademais debería remontar oito puntos, que se antollan demasiados.
Se a victoria na clasificación xeral semella clara para Amegrove, non o é tanto no que respecta ás bandeiras. Cabo da Cruz estase a amosar como o conxunto máis forte neste tramo final e, trala victoria a semana pasada en Boiro, parten como un dos favoritos a levarse as últimas dúas regatas. Tamén Náutico de Vigo, que buscará non irse coas mans baleiras este ano.
Máis complicado terano Mecos e Vilaxoán, que buscarán un fin de festa o máis digno posible, sobre todo os vilagarciáns, que o domingo reman diante dos seus. Os de Rons pola súa parte, defenden a bandeira que acadaron neste mesmo campo de regatas o pasado verán.
Por abaixo está todo practicamente decidido agás o 10ª posto na xeral, que poderíao perder Ares en favor dun Coruxo lanzado, e o derradeiro, Rianxo parte con tres puntos de vantaxe con respecto ás Xubias nesa loita por evitar o último lugar da táboa.
A regata da Pobra dará comezo mañá ás 17:30mentres que o domingo a competición comezará ás 11:00, coa disputa da derradeira regata da Liga Femenina que dará paso ás quendas masculinas.
Despois, nas inmediacións do Porto de Vilaxoán, celebrarase o peche de temporada, coa pertinente entrega de trofeos na que participarán numerosas autoridades de ámbito local, provincial e autonómico.
Redacción Salnés








