Gran inicio ligueiro do Club Xadrez Fontecarmoa

VILAGARCÍA> A pasada fin de semana deu comezo a liga por equipos. Como sempre un dos protagonistas desta competición é o Club Xadrez Fontecarmoa. Os vilagarciáns tiveron un inicio practicamente inmellorable impoñéndose na gran maioría dos seus partidos.

A primeira rolda da Liga de Xadrez cumpríu con creces as expectativas dos equipos do Club Xadrez Fontecarmoa. Os dous conxuntos que militan en Primeira División son líderes nos seus respectivos grupos. O Casa Xuventude impúxose con contundencia ó Shirov, por 0-4, nunha actuación sobresaínte de Conde, Saborido, Jorge María e Ramón Melio. Por outra banda, o Porto de Vilagarcía impúxose por 3-1 ó Alekhine. Luís Segura e Andrés Varela fixeron unhas meritorias táboas mentres que Julio Torrado e Lucas Abal sumaron sendas victorias. Nesta mesma división o Breogán do Grove non tivo tanta sorte no seu inicio ligueiro e cedeu por 1-3 fronte ó Recatelo.

Na Segunda División tódolos encontros que disputou o Fontecarmoa remataron co mesmo resultado: 2,5-1,5, aínda que neste caso con tan só unha victoria para os vilagarciáns, a acadada polo Baños Print, en Vigo.

No grupo C caeu o McDonalds ante o Padrón B e o Deportes Rodas ante o Fischer Moaña. Tamén perdeu o Sold Out ante o Xadrez Ourense. Máis sorte correu no Grupo D o Xadrez Albariño, que se impuxo por un claro 4-0 ó Chigorín.

Na Terceira houbo dous derbis internos do Fontecarmoa. Nun deles Valdumia e Restaurante A Pedra empataron, mentres que no outro o All Clearing superou ó Novacaixagalicia. Ademais, La Marina gañou con autoridade no enfrontamento comarcal ó Sanxenxo.

Un ano máis o Fontecarmoa volve a apostar pola xuventude como músculo de crecemento do club. De feito un dos equipos de Primeira División e tres dos catro que militan en Segunda están compostos por xogadores moi novos.

Redacción Salnés