O Sanxenxo busca a sorpresa ante un Ferrol ferido

SALNÉS> Na Terceira os dous equipos do Salnés mídense ante dous candidatos ó ascenso. O Sanxenxo recibe ó Racing de Ferrol e o Vilalonga desprázase a Ourense. Da Preferente destaca principalmente o Arosa-Pontellas.

O Racing de Ferol será o primeiro histórico en pasar este ano por Baltar de Arriba. Partido especial para os de Calucho que queren dar a sorpresa ante un rival que xa se deixou moitos puntos coa cabeza e que ven de destituír ó seu técnico Stili, que foi reemprazado por Aira. Un Racing polo tanto en horas baixas pero do que o Sanxenxo non se debe fiar. Ademais, o conxunto amarelo terá que xogar as vindeiras dúas semanas ante Vilalbés e Depor B, e non se pode permitir non puntuar durante tres xornadas. Deivi é baixa nos locais e Suso Bea dúbida.

O Vilalonga busca a súa terceira victoria seguida, algo que nunca acadou con Gabi Leis no banquiño. Enfróntanse a un Ourense que pese a non gañar con brillantez, estase a amosar como un equipo moi consistente. Os celestes saben que o ano pasado a remontada comezárona cunha victoria no Couto e queren repetir triunfo. Pablo é baixa na defensa celeste por sanción mentres que Jesu, e seguramente Nelo, perderanse o encontro por lesión. No cadro vermello, Borja e Noguerol están sancionados, Portela lesionado mentres que o dianteiro Eder, volve ó equipo.

Xornada moi interesante na Preferente con enfrontamentos directos entre equipos da cabeza. Se cadra o máis interesante o da Lomba, entre Arosa e Pontellas, dous equipos chamados a pelexar polo ascenso. Ambos equipos atravesan por unha dinámica de resultados irregular pero saben do golpe moral que suporía unha victoria sobre o seu rival. Vixo é baixa nos locais e Luismi nos visitantes.

O Portonovo aférrase á súa fortaleza en Baltar para derrotar á gran sorpresa da categoría, o recén ascendido Barco. Os de Luis Casais atópanse nun gran momento de forma e saben que de gañar ecngancharíanse á cabeza.

Logo de impoñerse no derbi o Céltiga quere darlle a estocada a un Barbadás que para o técnico Manuel Núñez, é o mellor equipo da liga. Sen embargo os números de momento non din o mesmo. Con todo, os da Illa viaxan a Ourense sabedores das dificultades do encontro. Beni é baixa.

O Ribadumia quere seguir enganchado ós postos de cabeza. Saída a priori asequible para os de Pablo Vázquez que visitan a un Verín, cuarto pola cola e que non gañla dende a primeira xornada ligueira.

Redacción Salnés