![]()
VILANOVA> Despois de 12 anos no goberno marcha, di, por motivos persoais, pero non se desvincula do PP local: coordinará a campaña electoral.
{flowplayer}images/salnes/RENUNCIA_JAVIER_TOURIS_VILANOVA.flv{/flowplayer}
Había ano e medio que lle viña dando voltas á idea e finalmente, tras doce anos no goberno local, Javier Tourís decidiu poñer punto e final á súa etapa na política municipal. Foi no seu día o concelleiro máis novo da corporación e durante este tempo ocupou as carteiras de Economía e Facenda, Industria, Comercio e recentemente incorporou a de Novas Tecnoloxías. A pesar dos esforzos dos compañeiros por convencelo, a decisión é firme.
Marcha do goberno local pero non da vida política. Seguirá traballando como membro do Partido Popular de Vilanova, e precisamente no partido, como favor persoal do seu líder Gonzalo Durán, será o encargado de coordinar a campaña electoral das municipais de maio.
Durán asegura que a finais de semana podería presentar xa a súa candidatura. A lista está case pechada pero resístense a adiantar nomes. Comezaron onte a deseñala e tan só faltan tres postos por cubrir, e non son, din, dos principais. Javier Tourís irá na lista, de número 14. Para lograr un posto como concelleiro o PP vilanovés debería conseguir arredor do 85 por cento dos votos, algo ‘pouco probable’ segundo Gonzalo Durán, pero se o conseguen, Tourís asegurou que ‘non renunciará’.
Redacción Salnés








