Comezan as obras de ampliación no Concello de Sanxenxo

    SANXENXO > A casa consistorial de Sanxenxo está estes días en obras. Hoxe deron comezo os traballos para ampliar as dependencias municipais cun novo anexo. Con esta remodelación, o concello reorientará a súa fachada cara a avenida de Madrid. Os veciños poderán seguir realizando as súas xestións no concello pero durante as obras, a alcaldía trasladarase ó Pazo Emilia Pardo Bazán.

    En Sanxenxo deron comezo esta mañá as obras de ampliación e reforma da casa consistorial. Unha vez se retire o cableado e as instalacións de telefonía, fontanería e calefacción, procederase á demolición da parte do concello que dá á Avenida de Madrid. Nesta zona ubícanse actualmente a alcaldía, a centraliña telefónica, o salón de plenos e oficinas de técnicos municipais.

    O goberno municipal lembra que as obras non afectarán á parte do concello onde se atopan as oficinas xerais, polo que os veciños poderán seguir facendo calquera xestión que precisen con normalidade. Está previsto que a alcaldía se traslade transitoriamente e ata o remate das obras ó Pazo Emilia Pardo Bazán.

    O obxectivo das obras é reorientar a fachada principal do concello cara a avenida de Madrid, unha das rúas principais da vila. Ademais, as obras permitirán dobrar o espacio que actualmente ocupa a zona que se vai a demoler. O proxecto contempla un novo anexo de 220 metros cadrados por planta. No soto ubicarase o arquivo municipal, no baixo irá a recepción e o salón de plenos, que terá capacidade para 80 persoas. O anexo terá outras tres plantas para o rexistro, a alcaldía e outras dependencias municipais.

    As obras financiaranse a través do convenio asinado polo concello coa consellería de Xustiza, que se comprometeu a destinar 675 mil euros en cinco anualidades.

    Redacción Salnés