O BNG perfílase como chave do goberno en Noia

negociacionsgobernonoia100.jpgNOIA> O reparto de escanos na corporación, resultante das eleccións do pasado domingo, dá ó BNG a chave para a conformación dunha maioría de goberno.

{flowplayer}barbanza/negociacionsgobernonoia.flv{/flowplayer}

O actual alcalde, Rafael García Guerrero, precisaría do apoio de independentes e nacionalistas para repetir no cargo. Hipótese que se antolla difícil trala abrupta ruptura do anterior goberno de coalición entre PSOE e BNG. O tripartito que permitiría a súa investidura como alcalde non parece moi probable.

Malia todo, o BNG non pecha as portas por completo posto que a única condición para negociar é o respecto ás propostas do seu programa que consideran irrenunciables, entre elas o mantemento da escollera que permita o desenvolvemento dun porto en Noia.

Do mesmo punto parten os independentes que establecen como condición para comezar a negociar o mantemento do seu programa que consideran perfectamente asumible e con propostas de consenso. Segundo a candidata do NOIA están abertos a iniciar as conversas con tódalas formacións excepto con Antonio Pérez Insua polo que as negociacións co PP pasarían polo cambio de candidato.

Fuxindo de personalismos, o candidato popular, Antonio Pérez Insua, entende que o único compromiso adquirido pola súa formación é cos cidadáns polo que a premisa básica nas conversas cos outros grupos é o mantemento das súas propostas electorais. Como forza máis votada, o PP síntese lexitimado para dirixir as negociacións que permitan conformar un goberno forte para a vila.

Pola súa banda, dende o Partido Socialista declinaron facer declaracións á espera de manter novas xuntanzas que definan o rumbo a seguir neste convulso panorama que arroxaron as urnas.  

Ademais de Noia, outros concellos desta comarca nos que aínda non está claro o organigrama do futuro goberno municipal, son Porto do Son e Muros.

Pacto no Son

No primeiro todo fai pensar nun acordo entre populares e independentes, circunstancia que levaría a Luís Oujo á alcaldía sonense.  Deste xeito o candidato popular, Luís Oujo, recupera para o PP un concello cuxo goberno perdera na metade da campaña, a raíz dunha moción de censura conxunta presentada polo Partido Socialista e o Bloque Nacionalista Galego que levou á alcaldía a Xoán Pastor Rodríguez

Incertidume en Muros

En Muros, o máis normal sería o acordo entre as dúas forzas progresistas, PSOE e BNG, que levaría á socialista Caridad González á alcaldía. Aínda así, e ante a negativa dos nacionalistas muradáns a cederlle o bastón de mando á candidata do PSOE, podería darse unha situación semellante á vivida hai catro anos, reeditando o acordo entre nacionalistas e populares.

Redacción Barbanza