300 eventos, 13 escenarios e 50 artistas galegos, así serán as festas de verán de Pontevedra

PONTEVEDRA> O Concello de Pontevedra presentou esta mañá a programación de festas de verán. Tras a crise do coronavirus, a programación deste ano será moi diferente ao que estamos acostumados. Aínda así, a diversión e a música están máis que garantidas con eventos como o Sondeaquí, Noites de Jazz ou Cinema na Lúa.

“Pontevedra Vívese!” e este verán máis ca nunca, os veciños desta cidade vivirán unhas festas atípicas pero cheas de artistas galegos. Porque tras a crise do coronavirus, o goberno municipal tivo que adaptar todos os eventos deste ano  e apostou por darlle a man a cultura da nosa comunidade. En total, máis de 300 eventos, 19 programas diferentes e 13 escenarios.

Co obxectivo de evitar as grandes aglomeracións, o Concello de Pontevedra ofrece este ano actividades repartidas polas rúas e prazas da cidade. En todas elas haberá artistas galegos. A programación arrancará este mesmo venres co Memorial Ricardo Portela e se estenderá ata o 23 de agosto coa Festa do Demo.

Artes Vivas, Sondeaquí , Noites de Jazz e Con voz de Muller son algúns dos eventos máis destacados do mes de xullo. En agosto e, despois do Cinema na Lúa ou da Barullada de Rock, as rúas de Pontevedra vibrarán cos concertos da Peregrina. María do Ceo, Marcelo Dobode e Woyza serán os encargados de abrir estas festas o sábado 8 de agosto. Polos diferentes escenarios pasarán artistas como Cora Velasco, Eladio y los Seres Queridos, Pel e Pau, Pablo Lesuit ou Rosa Cedrón.

A pandemia non vai a impedir que os pontevedreses gocen este verán das súas grandes festas. Iso si, Pontevedra este ano vivirase con máscaras e respectando as distancias de seguridade.