A chuvia condiciona as representacións da Semana Santa de Paradela

MEIS> A Romaría das Cabezas pon o punto e final a unha intensa semana relixiosa e cultural no Concello de Meis. Na parroquia de Paradela, a chuvia tamén condicionou as representacións relixiosas. A pesar da auga, os actores e actrices seguiron adiante coas escenificacións ao vivo. Unha cita, declarada de interese turístico galego, que é todo un reclamo para fieis e visitantes.

A chuvia foi unha das grandes protagonistas nos actos da Semana Santa de Paradela, en Meis. A auga, así e todo, non impediu que os actores e actrices lograsen representar con máis ou menos normalidade a maioría das escenificacións ao vivo.

Na xornada do Xoves Santo, as representacións puideron desenvolverse a pesar da situación meteorolóxica. Logo da misa tivo lugar representación da Última Cea. Ata alí achegáronse ducias de fieis, algúns deles con candeas, que arrouparon a recreación das últimas horas de Xesús, unha figura -por certo- personificada en Daniel Castro, un veciño de Meis de tan só 20 anos que debutaba este ano neste papel.

Na mañá do Venres Santo, celebrouse no adro da igrexa a escenificación das últimas horas de Xesús. Unha vez rematada, tivo lugar o Vía Crucis ata o monte da Croa, lugar onde se resepresentou a crucifixión de Cristo. Uns actos que arrancaron co público cuberto polos paraugas, pero que remataron con grandes claros no ceo.

O peor dos momentos chegou na noite do Venres Santo, no desencravo e na procesión do Santo Enterro. A chuvia caeu a cachón sobre Paradela, impedindo desenvolver o programa tal e como estaba previsto. Os actos limitáronse á baixada das imaxes relixión dende a Monte da Croa, sen velas nin fachos.

Por último o Domingo de Pascua que si puido celebrarse segundo o agardado. A derradeira escenificación, a da Resurrerrección de Xesús no adro da Igrexa, deulle paso á misa solemne e á procesión.

Unha xornada que, xa fóra do aspecto relixioso, culminou en Paradela con música, grazas á Asociación Cultural A Croa. Baixo unha carpa, as orquestras La Fórmula e América de Vigo, puxeron o punto e final a unha edicion deslucida polo mal tempo, pero no que a veciñanza da zona volveu demostrar por qué a súa Semana Santa está recoñecida como un evento de interese turístico galego.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí