Veciños de Miñortos reclaman accesos dignos ás súas vivendas

PORTO DO SON> Catro familias de Porto do Son levan anos loitando para conseguir un acceso digno as súas vivendas.

Veciños do lugar de Boiro, na parroquia sonense de Miñortos, están xa fartos de non poder acceder en condicións as súas vivendas, situadas a carón da praia. A entrada vólvese impracticable os días de marea alta. Pola parte de atrás das casas tamén o teñen complicado. Deben deixar os vehículos estacionados nun camiño a máis de doucentos metros dos seus fogares, aos que finalmente chegan por un estreito carreiro entre leiras.

O día a día non é sinxelo, é menos en inverno cando o vieiro, por mor da chuvia, convértese nunha lameira. Entrar na casa complícase cando deben transportar vultos pesados como as bolsas da compra ou unha bombona de butano. Pero o peor momento chega cando se solicitan os servizos dunha ambulancia dado que un dos veciños, ao estaren impedido, require de constantes coidados médicos.

Co fin de buscar unha solución que remate co seu problema, estes veciños recorreron en moitas ocasións a alcaldía, pero de momento aínda non obtiveron resultados positivos.

Negociacións

Pola súa banda, a tenente de alcalde de Porto do Son, María Jesús Paz, explicou que tal e como xa lles comunicaran a estes veciños durante a celebración do último pleno, o concello xa iniciou as negaciacións co propietario dunha parcela anexa as vivendas para a súa adquisición. Mentras tanto, os veciños terán que seguir botando man dunha carreta para transportar os útiles necesarios para a vida cotiá.

Redacción Barbanza