Carlos Miguéns remata segundo no Trial de Bueu

SALNÉS> O domingo celebrouse en Bueu a séptima proba do Campionato Galego. Ata alí desprazáronse os irmáns Miguéns, Verónica e Carlos. Aínda que estiveron preto de levarse a victoria, finalmente quedáronse co mel nos beizos.

O pasado domingo celebrouse a séptima proba do Campionato Galego de Trial, na localidade pontevedresa de Bueu. Organizada polo Motoclub Aldán, na cita participaron medio cento de pilotos nas categorías Senior A, Senior B, Junior, Veteranos, Cadetes e Promoción.

Nela estiveron presentes Verónica e Carlos Miguéns, do MotoClub Sqem. O que máis preto do triunfo quedouse foi Carlos, segundo en categoría júnior por detrás de José Alonso. O vilagarcián pagou cara a súa primeira volta ó circuíto na que o seu rival aventaxoulle en catro puntos. Nas dúas seguintes foi quen de superar a Alonso pero tan só por un punto en cada unha delas, quedándose así ás portas do triunfo.

En Promoción, Verónica Miguéns foi quinta. Unha mala primeira volta separouna dos primeiros postos, pese a que logo mellorou os seus resultados e colouse preto da cabeza.

A carreira durou catro horas, na que os pilotos tiveron que dar tres voltas a un circuíto de oito zonas moi duras. A combinación de obstáculos artificiais e grandes pedras dificultou o paso dos pilotos, provocando numerosas caídas e facéndoa se cadra máis atractiva para os espectadores.

O Campionato Galego continuará a súa marcha a vindeira fin de semana coa oitava proba que se celebra na localidade coruñesa de Teo. Será o domingo día 25.

Redacción Salnés