Marea solidaria en Rianxo en favor de ASANOG

RIANXO> Éxito total de participación e organización da primeira andaina solidaria en favor da Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia celebrada este pasado sábado en Rianxo.

Dende primeiras horas da mañá a praza Castelao converteuse nun fervedoiro de xente entre os que se atopaban varios representantes da propia corporación municipal, como é o caso do alcalde, Adolfo Muíños, que non quixo perderse tampouco esta actividade solidaria.

A organización logrou completar as 750 prazas dispoñibles, logo de ampliarse a capacidade dende as 500 previstas inicialmente.

A ocasión ben o merecía, xa que todo o recadado nas inscricións, como tamén coas doazóns a través do dorsal cero, ían destinadas á ASANOG.

En total conseguiron recadarse uns doce mil euros para a causa.

A maior parte dos participantes, uns 563, decidíronse polo percorrido longo de once quilómetros, mentres que as outras 186 persoas participaron no percorrido máis curto, de 4 km.

Tanto unha coma a outra desenvolvéronse por diversos enclaves do municipio, como é o caso do paseo marítimo e os camiños do mar de Taragoña, para regresar novamente ó punto de partida.

Unha vez rematada a andaina, na propia Praza, celebrouse un pequeno acto, que serviu ademais de recepción oficial ó deportista local Adrián Mosquera, primeiro rianxeiro en participar nun xogos olímpicos, que actuou ademais coma padriño da proba.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí