Luz verde a ampliación definitiva do polígono da Tomada

    ampliaciontomada.jpgPOBRA> A corporación municipal, cos votos a favor do PP, dá así o paso previo para a execución desta actuación cun presuposto de 3’5 millóns de euros.

    {flowplayer}barbanza/ampliaciontomada.flv{/flowplayer}

    O alcalde, Isaac Maceiras, e o edil responsable de Industria, Manuel Fontao, non agochaban a súa satisfacción por este trámite que posibilitará a ampliación do polígono industrial da Tomada. Trátase segundo eles dunha vella aspiración do executivo que permitirá a expansión dalgunhas das principais empresas asentadas neste parque como é o caso de Cartogal, Transportes Mapir, ACTENSA ou Procesados Pesqueiros do Grupo Lumar, entre outras, o que conlevará a creación de novos postos de traballo.

    Proxecto urbanización

    Segundo o propio rexedor, mañá mércores está previsto que a Xunta de Goberno Local aprobe o seu proxecto de urbanización elaborado pola empresa Proyfe. Unha vez dado este paso será SIgalsa, a firma encargada da xestión do parque, a encargada de sacar a súa execución a concurso, polo que se todo marcha segundo o previsto as obras poderían iniciarse xa a finais de ano.

    A actuación incluirá o acondicionamento do terreo, a instalación de rede de abastecemento de auga e saneamento, a dotación de infraestruturas de telecomunicacións e gas natural, así como o proxecto de integración paisaxística. A ampliación do polígono pobrés suporá unha actuación cunha superficie total de 100 mil metros cadrados, dos que aproximadamente 60 mil será destinados a uso industrial.

    Redacción Barbanza