Fixado o protocolo de actuación en casos de malos tratos en Pontevedra

    PONTEVEDRA > Un rexistro único na Policía Nacional e unha mesa para distribuír os casos. Estes son os acordos recollidos no protocolo de actuación das Policías Nacional e Local en Pontevedra para coordinar as ordes de protección de víctimas de violencia de xénero. Este foi o asunto abordado na Xunta Local de Seguridade.

    xuntalocalseguridadepontevedra_300_050506.jpgA Policía Nacional e a Policía Local de Pontevedra teñen xa pechado e definido o protocolo de actuación nos casos de violencia doméstica e de xénero. A Xunta Local de Seguridade acordou este venres constituír un único rexistro policial na Comisaría de Policía Nacional con acceso directo e permanente á Policía Local ó que a autoridade xudicial remitirá as ordes de protección. Tamén se creou unha mesa de coordinación para distribuír os casos entre ambas policías.

    O obxectivo é garantir ás víctimas de violencia doméstica e de xénero unha protección obxectiva e subxectiva. Subdelegación do Goberno e Concello queren que as víctimas perciban esta protección e que os agresores se vexan vixiados. Con esta coordinación tamén se optimizan os recursos de ambos corpos policiais, xa que do que se trata é de aumentar a eficacia no cumprimento das orde xudiciais.

    No concello de Pontevedra apréciase unha tendencia á baixa neste tipo de delictos. Nos catro primeiros meses do ano contabilízanse 16 feitos coñecidos e esclarecidos e 11 detidos, fronte a 23 feitos e 15 detidos rexistrados no mesmo período en 2005. Pese a todo, de momento hai 75 ordes xudiciais vivas de protección.

    Este é o primeiro protocolo definido na provincia de Pontevedra. De aquí ó 15 de xuño, a Subdelegación espera completar este acordo con 26 concellos que contan cun corpo de Policía Local significativa.

    Redacción Salnés