RIANXO> Satisfacción en Rianxo polos avances da consellería de Infraestruturas no proxecto para dotar de beirarrúas a dous tramos da AC-305 ó seu paso pola localidade. Concretamente os comprendidos nos tramos de Burés a Xens e tamén na zona da Casilla. Segundo informou o alcalde, Adolfo Muíños, a Xunta está a piques de someter este proxecto a exposición pública.
Trátase dunha vella demanda, tanto do executivo rianxeiro, como tamén da asociación de veciños do Araño, que dende hai tempo viñan demandando da Xunta unha actuación de mellora da seguridade viaria en dous tramos da AC-305, como son o de Burés a Xens e tamén o da zona da Casilla.
O proxecto, que segundo o rexedor, podería entrar a exposición pública xa este verán, contempla a construción de beirarrúas nestes dous tramos do vial, que na actualidade carecen deles.
O orzamento previsto para esta actuación ascende a preto dos 400 mil euros.
Pero esta non é a única boa nova para Rianxo. O rexedor rianxeiro tamén informou da licitación do proxecto técnico para dotar de saneamento a varias casas de Burés, nunha primeira fase.
A actuación virá a dar servizo a unhas trinta vivendas deste núcleo. Irán conectadas á rede xeral e o proxecto estará dividido en varios tramos. Un deles a carón da estrada AC-305 e o outro no núcleo máis tradicional da aldea.
Muíños explicou que o expediente para a súa consulta polas empresas interesadas en facerse con esta actuación xa foi colgado no perfil do contratante. O importe de licitación ascende a uns 115 mil euros.
A obra está financiada pola Deputación da Coruña, a través do Plan Único.