BOIRO> A mellora, na que se investiron uns 33 mil euros, permitiu a instalación dun novo mobiliario na sala e a renovación do equipamento informático.
{flowplayer}barbanza/inauguracionaulacemitboiro.flv{/flowplayer}
O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, puido comprobar de primeira man o resultado das obras de mellora realizadas na aula CeMIT de Boiro e nas que o Goberno galego investiu uns 33 mil euros. A actuación permitiu basicamente a instalación dun novo mobiliario na sala e a renovación do equipamento informático, así como a dotación dun sistema profesional de videoconferencia.
Instalacións moi empregadas
O rexedor local agradeceu o investimento realizado pola Secretaría Xeral de Medios xa que se trata dunhas instalacións moi empregadas, ben coma aula formativa con cursos de alfabetización dixital ou cursos multimedia e audiovisuais ou ben coma aula aberta para darlle a posibilidade ós interesados de manexar o ordenador e efectuar consultas e trámites a través de internet.
Na súa intervención Alfonso Cabaleiro indicou de que esta actuación enmárcase no programa de actualización de aulas existentes na rede CeMIT que a Secretaría Xeral de Medios está a desenvolver durante o ano 2011 co fin de adecualas ós estándares empregados nas aulas de nova creación. Así anunciou que a próxima aula a mellorar será a de Ribeira.
Acceso novas tecnoloxías
O secretario xeral de Medios lembrou, tamén, que a rede CeMIT constitúe un dos elementos fundamentais para facilitar o acceso ás novas tecnoloxías a tódolos cidadáns en igualdade de condicións, unha rede, que segundo el, na actualidade está presente en 92 concellos de toda Galicia e conta con 98 aulas.
Redacción Barbanza