A Deputación da Coruña aproba 50 millóns adicionais para o Plan Único deste ano

BARBANZA> A Deputación da Coruña aprobou esta mañá en pleno unha partida de 50 millóns de euros máis para o Plan Único correspondente a este ano 2024. O organismo provincial superará así os 100 millóns de euros de financiamento para investimentos nos concellos da provincia.

A achega de 50 millóns máis aprobada esta mañá en pleno, permitirá superar os cen millóns de euros  para investimentos nos distintos concellos da provincia. Unha cifra importante que vén a evidenciar segundo Valentín González Formoso o carácter inversor do organismo provincial.

González Formoso criticou tamén a postura da Xunta, que segundo el apenas destina 113 millóns de euros para toda Galicia, e non aborda o reto do financiamento local.

Un aspecto este no que incidiu tamén o vicepresidente, Xosé Regueira. Segundo el, os concellos asumen cada vez más competencias sen ter financiación, de aí a importancia deste tipo de axudas provinciais.