O PP de Boiro denuncia a perda dunha subvención para mellorar instalacións deportivas

BOIRO> O PP de Boiro pide explicacións ó goberno municipal ante a renuncia a unha subvención para executar melloras no pavillón do Santa Baia. A axuda autonómica, por importe de 10 mil euros, iría destinada á construción dun almacén e zona de oficinas na instalación.

Os populares de Boiro amosáronse moi críticos coa xestión do goberno municipal tras ter coñecemento da renuncia a unha subvención autonómica de 10 mil euros para executar melloras no pavillón do colexio Santa Baia. Acusan ó executivo de ter solicitado axudas para proxectos que non poderán asumir por falla de fondos municipais, cun claro interese electoralista.

Ademais de denunciar a ausencia dun plan económico para xestionar os fondos municipais, os populares volven chamar a atención sobre o mal estado das instalacións deportivas por falla de mantemento.