RIBEIRA> Os escolares de Ribeira volveron facer gala do seu compromiso social cunha nova edición do mercado solidario que impulsa o CEIP O grupo coa colaboración dos colexios de Artes e Heroínas de Sálvora de Aguiño. O obxectivo é recadar alimentos a cambio de libros.
A pesar da chuvia foron moitas as persoas que se achegaron ata o mercado solidario instalado no adro da igrexa de Ribeira para facer a súa aportación. Esta iniciativa, impulsada polo CEIP O Grupo, e que este ano contou coa colaboración dos colexios de Artes e Heroínas de Sálvora de Aguiño persegue un dobre obxectivo: conseguir alimentos para Cáritas e o comedor social ó tempo que se fomenta o hábito lector.
Ademais das achegas dos veciños que ó longo da mañá se deixaron caer polo mercado, os alumnos doaron tamén quilos e quilos de alimentos non perecedoiros que foron achegando ós centros educativos ó longo da semana.
Á satisfacción de colaborar con esta boa causa, engádese o pracer de gozar do libro escollido entre esta ampla selección con títulos dos máis variados xéneros e para tódalas idades.