A POBRA> A Comunidade de Montes de Santa Cruz denuncia o estado de abandono en que se atopa o antigo vertedoiro da Curota. Dende o seu selado, hai máis de 20 anos, as administracións non están a asumir o mantemento da parcela na que é frecuente o depósito de residuos.
O selado do antigo vertedoiro da Curota culminábase no ano 2003. Tras máis de 20 anos, estas seis hectáreas de monte que deberían estar xa rexeneradas atópanse en estado de abandono tal e como denuncia a comunidade de montes de Santa Cruz. Tralo roubo dos portais, a parcela quedou aberta, posto que tamén falta boa parte do balado perimetral, co que moitos aproveitan para depositar alí todo tipo de residuos.
Tamén é frecuente o tránsito de motos e quads que erosionan o terreo favorecendo os arrastres de terra. Dende a comunidade de montes xa teñen requirido en varias ocasións ós concellos da Pobra e Ribeira para que cumpran co convenio subscrito no seu día coa Xunta que obrigaba ás administracións locais ó correcto mantemento dos terreos.
De non ser así, reclaman que se reverta a propiedade ós veciños para unha mellor xestión deste monte comunal.