A nave de Hadasa, último escollo para concluír a rexeneración paisaxísitica da Ribeiriña

A POBRA> O delegado do goberno en Galicia desprazouse ata a Pobra para comprobar o resultado das obras de rexeneración no bordo litoral da Ribeiriña. Esta actuación, na que o goberno central investiu preto de 800 mil euros, supuxo a demolición da antiga fábrica da Onza de Oro e a recuperación do espazo degradado cunha senda peonil e un miradoiro.

A zona da Ribeiriña, de gran valor paisaxístico e ambiental, se atopaba moi degradada pola presenza de antigas fábricas conserveiras en zona de dominio público marítimo terrestre. Unha delas, a da Onza de Oro, foi demolida e recuperouse o espazo no que se atopaba cun proxecto integrador e respectuoso co medio ambiente.

A intención do goberno da Pobra é seguir nesta liña coa demolición da nave de Hadasa que aínda permanece na zona, en estado de abandono, supoñendo un obstáculo para a recuperación integral da zona costeira.

Non é esta a única actuación que o executivo local desenvolveu para poñer en valor o núcleo da Ribeiriña. Nos últimos anos procedeu tamén ó acondicionamento da contorna do centro sociocultural e a dotación de novos servizos e programas de dinamización do rural.