Saída complicada do Cortegada que visita ó Carmelitas

VILAGARCÍA> As vilagarciáns defenden a súa posición de colíderes nunha pista complicada, a do sexto clasificado.

Penúltimo partido da primera volta no grupo A da LF2. Nin os máis optimistas podían agardar que o Cortegada fose a estas alturas segundo na táboa, empatado a puntos co líder e despois de ter perdido a unha das súas xogadoras máis importantes, como Ernie Williams.Pero dous partidos bastaron para comprobar que a incorporación de Aitana Cuevas foi máis que positiva e que o equipo vai gañar moito xogo con ela.

O primeiro test importante dende a volta do parón de Nadal é o que afrontan este sábado ante o Carmelitas, en Ourense. Un rival co que xa perderon as de Pepe Vázquez na Copa Galicia, en pretemporada, e que a estas alturas camiña sexto na clasificación.

O Carmelitas ven de perder dous partidos de xeito consecutivo, o último no derbi ante o Pabellón, e aínda que non foi quen de vencer a ningún dos equipos da parte alta da táboa, sempre competíu contra todos eles. 

A súa columna vertebral é a formada pola pivot cubana Zuleira Aties, terceira máxima anotadora da liga, a aleiro salmantina Noelia Oliva e a catro americana Christine Simmons, a terceira mellor reboteadora da competición. O equipo adestrado por Juan Antonio Rodríguez caracterízase pola súa intensidade defensiva, o que lle fai ser un dos conxuntos que máis faltas comete da liga.

Agárdase un partido de ritmo controlado e pouca anotación. Unha oportunidade única para o Cortegada que de gañar aseguraríase rematar a primeira volta en postos de fase de ascenso.

Redacción Salnés