BARBANZA> A xornada de onte domingo na Terceira, deparounos un derbi comarcal na Lomba, o que enfrontou ó Arousa co Club Deportivo Boiro. Ó final a vitoria caeu do bando visitante, cero a un, cun tanto dun vello coñecido da afección arousá, o catoirense Padín, agora nas filas do Boiro. Este fermoso tanto de Padín, no minuto 33 da primeira metade, bastoulle ó Club Deportivo Boiro para levarse a vitoria da Lomba. Aínda así o Arousa non lle puxo para nada sinxelas as cousas os boireses. É máis na primeira metade o conxunto de Piscis foi moi superior, dispoñendo de varias ocasións para adiantarse no marcador. Só o acerto do porteiro visitante, Ian Mackay, evitou este feito. Na segunda parte as cousas cambiaron, a entrada de Anxo deulle outro aire ós de Gelucho, que veu ademais aumentado o seu dominio trala expulsión do defensa local Juanjo. Xa na recta final os boirenses dispuxeron ademais de varias ocasións claras ó contragolpe, que non foron quen de materializar. Grazas a estes tres puntos o Boiro volve a encaramarse ó máis alto da clasificación na terceira con 54 puntos. Un máis que o Somozas que é segundo con 53 e dous máis que o As Pontes e Pontevedra que empatan na terceira praza con 52. pola súa banda o Arousa ocupa a oitava praza con 41. A vindeira semana os boirenses recibirán en Barraña ó Bertamiráns, mentres que os vilagarciáns terá nunha difícil saída ante o Somozas.
Inicio Deportes