Os dardos chegarán a Fexdega no mes de xullo

dardos250_020408.jpgVILAGARCÍA > O recinto feiral de Fexdega acollerá durante o mes de xullo os Campionatos Galego e Internacional de dardos electrónicos. O colectivo promotor, Fegade, estima a participación de máis de 10.000 xogadores de 20 países diferentes.

Vilagarcía prepárase xa para acoller no mes de xullo os Campionatos Galego e Internacional de dardos electrónicos, unha disciplina ata o de agora pouco coñecida ou practicada tanto no Salnés como en Galicia, pero que cada vez está a gañar máis adeptos.

Dende a organización do evento calculan que uns 10.000 xogadores poderían pasar polo recinto feiral de Fexdega durante as fins de semana nas que se disputarán os torneos. Uns 500 xogadores nas xornadas de venres e sábado, e 1.000 nas dominicais, cando se disputarán as probas por parellas. O organismo convocante, Afeccionados Galegos de dardos e dardos electrónicos, optou por celebra-lo evento en Fexdega despois de ver como o número de participantes no campionato galego sufríu un considerable crecemento nos últimos anos. No 2007 foron 6.000 os xogadores que tomaron parte na competición e nesta agárdase mellora-las cifras.

É unha boa nova para Fexdega xa que o recinto feiral estará ocupado nunhas datas nas que normalmente quedaba baleiro; é tamén unha boa nova para a restauración e a hostalería vilagarcián e arousana en materia de turismo. E tamén é bo para un deporte que ata o de agora centraba as súas probas supranacionais na rexión catalana.

Agárdanse xogadores de toda Europa, dende os balcáns, pasadno por Alemania, Italia ou mesmo Luxemburgo.

O evento contará con dúas probas infantís e xuvenís. As inscripcións están abertas ata unha semana antes do comezo de torneo, agás as probas de equipos que xa están pechadas a día de hoxe. As partidas do campionato galego son de balde, mentras que as das probas internacionais teñen unha cuota de inscripción.

Redacción Salnés