A Audiencia condena a Argibay a catro anos de cadea por estafa

    CONDENAARGIBAY.jpg PONTEVEDRA> O avogado pontevedrés terá que pagar unha multa e indemnizacións de 730.110 euros, pero non o inhabilitan para administrar caudais.

    O avogado pontevedrés Manuel Franco Argibay, coñecido por ter colaborado co narco José Antonio Pouso Rivas alias ‘Pelopincho’, vén de ser condenado por estafar de xeito continuado ó construtor José Rodríguez e á nai deste, Isaura Rodríguez. Na sentenza considérase probado que o letrado se aproveitou da confianza dos seus clientes para apropiarse de xeito ilícito dos seus bens. Para iso, di o documento, fíxolles crer que ía realizar unhas vendas simuladas para resolver unha serie de problemas e que logo llas devolvería. Pero o acusado non só non lles entregou de volta os seus bens, senón que os derivou a diferentes sociedades para facerse con eles.

    Segundo reza a sentenza, a versión ofrecida por Argibay de que lle comprou ó construtor e á súa nai os bens con cartos en metálico non é crible, posto que non hai constancia de ningún desprazamento económico ó seu cargo nin tampouco de liquidación de honorarios. Por estes motivos, a Audiencia de Pontevedra condena a Argibay a catro anos de cárcere e unha multa de 1.620 euros, ademais de ter que abonar ós clientes estafados unha indemnización de 730.110 euros, o valor ó que ascendenrías as propiedades que adquiriría ilícitamente o letrado.

     Pola contra, a sentenza absólveo dos cargos de falsidade documental ó considerar que non existen probas de que suplantara a sinatura de Isaura Rodríguez, a nai do seu cliente, na compravenda dunha das vivendas. Considérase que o informe caligráfico non é concluínte.

    Tampouco se inhabilita ó avogado para administrar caudais ou fondos, por considerar a Audiencia que se trataría dunha medida ‘desproporcionada’.

    Este fallo é recurrible ante o Tribunal Supremo.

    Redacción Salnés