As testemuñas reconstrúen os últimos pasos de Diana antes de ser abordada polo Chicle

SANTIAGO> Reconstruír os últimos pasos que deu Diana Quer antes de atoparse con José Enrique Abuín na madrugada do 22 de agosto de 2016. Este foi o obxectivo da terceira xornada do xuízo contra O Chicle. Durante toda a mañá, prestaron declaración nove feirantes que se atopaban participando nas festas da Pobra nese momento. Tamén os últimos amigos e coñecidos que falaron ou viron á moza madrileña antes de desaparecer.

A través das catorce testemuñas de hoxe, intentáronse reconstruír os últimos pasos de Diana Quer antes de atoparse con José Enrique Abuín. Os primeiros en declarar foron os dous amigos que tiveron contacto con ela antes de desaparecer. Por videoconferencia dende Madrid, Nerea contou como foi a súa despedida na madrugada do 22 de agosto. Pola súa banda, Jorge recordou a última conversa que mantivo con ela por whatsapp antes de que se lle perdera a pista.

O teléfono móbil de Diana foi localizado o 27 de outubro de 2016 debaixo da ponte de Taragoña. Hoxe na sala declarou o mariscador que o localizou, que asegurou que ninguén manipulou o terminal antes de que o entregara á Garda Civil.

Despois comezaron a pasar pola sala os feirantes que estaban citados para a xornada de hoxe. A través dos seus testemuños, intentouse recrear as condicións da zona na que se puido producir o encontro entre Diana e O Chicle. Ademais, ningún deles notou falta de gasóleo dos seus vehículos. Recordemos que José Enrique Abuín asegurou que estaba nese lugar para roubar combustible.

A última rapaza en declarar tamén o fixo por videoconferencia dende Madrid. O seu testemuño serviu para situar a Diana no punto e hora no que se cre que estaba antes de ser abordada polo Chicle.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí