Costas inicia en febreiro a demolición da Onza de Oro

    visitaeimilpobra_100_280110.jpgPOBRA> A empresa Tragsa acometerá durante os próximos catro meses a demolición da antiga factoría da Onza de Oro, ubicada na Ribeiriña.

    {flowplayer}barbanza/visitaeimilpobra.flv{/flowplayer}

    O xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, visitou o concello da Pobra para dar a coñecer os detalles desta actuación, enmarcada na primeira fase do proxecto de recuperación do dominio público marítimo terrestre na Ribeiriña.

    O representante do Ministerio de Medio Ambiente anunciou o inicio inminente das obras de demolición da antiga fábrica da Onza de Oro que vai acometer a empresa Tragsa. Tan só estes traballos suporán un investimento dun millón vintesete mil euros posto que conlevan actuacións bastante complicadas, entre elas a segregación dos residuos para o seu tratamento por parte de distintos xestores.

    Primeiro paso

    A demolición da Onza de Oro, que ocupa unha superficie construída de 4.647 metros e total de máis de sete mil é só o primeiro paso desta ambiciosa actuación que promove a Demarcación de Costas, para recuperar o litoral entre Escarabote e a Ribeiriña.

    A seguinte obra consistirá no derrube da nave de Hadasa que ata o momento non é posible xa que os titulares da empresa presentaron un recurso contenciosso-administrativo. Dende o Ministerio estanse a estudar posibles vías alternativas que permitan unha solución extraxudicial e agardan que ó longo deste ano poida procederse á demolición. Esta actuación terá un coste menor, de ó redor de seiscentos mil euros, posto que ocupa menos superficie.

    Rexeneración medioambiental

    En total, coa retirada das dúas naves recuperarase unha superficie total próxima ós dez mil metros cadrados. Unha vez acometidas, poderase proceder á segunda fase, consistente na rexeneración medioambiental que ten por obxectivo devolver o litoral ó seu estado primitivo. Unha actuación que, tal e como lembrou o alcalde, constituía unha teima do goberno e dos propios veciños.

    Ademais do seu valor medioambiental, dende o concello agardan que a actuación contribúa a tamén a dinamizar o sector turístico.

    Redacción Barbanza