A Ponte das Correntes inaugurarase a primeiros de xuño

    pontecorrentes copia.jpg PONTEVEDRA> Atrás queda a polémica entre Xunta e concello polo financiamento. O día 21 conselleiro de Infraestruturas e alcalde reuniranse para solucionalo.

    {flowplayer}images/salnes/PONTE_CORRENTES_150512.flv{/flowplayer}

    Hai uns días, o conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernádez, aclaraba en sede parlamentaria que se a Xunta só abonara dous dos tres millóns de euros comprometidos polo anterior bipartito para cofinanciar a Ponte das Correntes, fora por culpa do concello de Pontevedra. Porque deixou caducar o convenio sen presentar a debida documentación que acreditase a necesidade de achegar esa contía. Desde o goberno pontevedrés acenderon tódalas alarmas, pero parece que un paseo pola ponte bastou para calmar os ánimos. Conselleiro e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores acordaron verse o vindeiro 21 de maio en Santiago para buscar a fórmula de que o goberno galego poida achegar o millón restante.

    Hernández insistiu en que a Xunta xa abonou preto dos dous millóns comprometidos e para a achega do millón restante non pon data. Podería ser na anualidade do 2013. Todo depende da dispoñibilidade da Axencia Galega de Infraestruturas.

    Cuestións económicas a parte, a Ponte abrirá en breve. A primeiros do mes que vén como moi tarde. Segundo explicou Lores, para a semana realizaranse xa as probas de carga. Pendente queda a conexión desta infraestrutura coa AP-9, un proxecto que o Ministerio de Fomento xa se comprometeu a estudar.

    Unha vez rematada, a Ponte das Correntes suporá un dos principais accesos á cidade de Pontevedra pola parte norte. Contará con catro carrís de entrada e saída, ademais dun vial para as bicicletas e paso para os peóns.

    Redacción Salnés