Fonda dor en Rianxo pola morte de Carlos Gey

    RIANXO> Carlos Gey falecía este mediodía na súa casa da Pobra. Ó parecer comezou a sentirse mal a pasada noite polo que acudiu ó hospital do Barbanza. Tras varias horas en observación, xa de madrugada, déronlle a alta. Sen embargo, esta mañá seguía sen atoparse ben polo que non acudiu a traballar ó concello. Desafortunadamente, co paso das horas o seu estado foi empeorando e pasadas as dúas da tarde falecía a pesar dos intentos dos servizos médicos por reanimalo. Carlos Gey tiña sesenta e tres anos e levaba catro ocupando o cargo de tenente alcalde de Rianxo, onde o PSOE goberna en coalición co BNG. O concello decidiu suspender tódolos actos programados para esta fin de semana e mañá celebrarase un pleno extraordinario. Precisamente o alcalde, Adolfo Muíños, amosaba esta tarde a fonda consternación en nome de toda a corporación pola perda dun gran compañeiro do que destacou a súa faceta de traballador incansable. Carlos Gey chegou á política da man do ex alcalde rianxeiro, Pedro Piñeiro, do que fóra asesor e man dereita durante varios mandatos. Precisamente foi el o encargado de sucedelo como candidato socialista á alcaldía no 2011. Actualmente ocupaba tamén o cargo de secretario comarcal dos socialistas no Barbanza. Nada máis coñecerse a nova da súa repentina morte non deixaron de producirse mostras de condolencia tanto por parte dos seus compañeiros de filas como do resto de formacións políticas da bisbarra. O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, a través dunha nota pública transmitía esta tarde en nome propio e de todos socialistas galegos a súa inmensa dor e profunda consternación pola morte de Gey, enviándolle no nome de toda a familia socialista, unha aperta ós seus familiares e achegados, ós compañeiros do partido en Rianxo e tamén ó concello. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/20/carlosgey1.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/20/falecementocarlosgey.mp4{/flowplayer}