Arrancan as XV Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán

POBRA> As xornadas, presentadas esta mañá polo secretario Xeral de Cultura teñen como principal obxectivo difundir aínda máis a figura do creador do ‘esperpento’. A pesar de que as actividades incluídas nas Xornadas Valle-Inclán, organizadas polo concello pobrense e o museo Valle-Inclán, en colaboración con diversas entidades, entre elas a Asociación de Amigos do Museo Valle-Inclán, se iniciaron xa esta pasada fin de semana, o grosso do programa foi presentado esta mañá polo secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. O cartel do programa contempla un amplo abano de actividades que van dende a música, á maxia, pasando polas proxeccións audiovisuais ou as lecturas dramatizadas, sen esquecer o teatro ou as exposisións. Aínda así un dos actos máis destacados de cantos figuran nesta homenaxe a Ramón María del Valle-Inclán terá lugar este venres coa inauguración das obras de remodelación levadas a cabo nas propias salas do museo, pechadas ó público durante algún tempo. Un acto ó que xa ten confirmada a súa presenza o propio conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, xa que as actuacións foron financiadas polo seu Departamento, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural con preto dos 30 mil euros. Aproveitarase ademais ese día para asinar un protocolo de colaboración entre a Xunta de Galicia e os concellos de Vilanova de Arousa e da Pobra para promover a programación cultural ó redor do escritor e a consolidación dos museos dedicados a este autor en ámbalas dúas localidades. Dende o concello pobrense fan un chamamento á toda a veciñanza, tanto da localidade como da comarca, a tomar parte nestas xornadas, que destacan tanto pola súa variedade como pola súa alta calidade. Ademais este ano as xornadas foron incluídas tamén no programa ‘Cultura no Camiño’ do AGADIC. Redacción Barbanza {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/15/visitasecretarioxeralculturapobra151013.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/15/visitasecretarioxeralculturapobra151013.mp4{/flowplayer}