As perdas dos mexilloeiros pola toxina son ‘insignificantes’

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/08/covadonga.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/08/INTECMAR_PARLAMENTO.mp4{/flowplayer} SANTIAGO> Así de tallante se amosou esta mañá a directora do Intecmar, Covadonga Salgado, durante a súa comparecencia na Comisión oitava do Parlamento. Salgado pormenorizou as análises realizadas durante os días nos que se decretou o peche preventivo de tódolos polígonos de bateas e reiterou que nunca se actuou con improvisación. As perdas económicas que unha marea vermella pode causar no sector mexilloeiro ó suspender a actividade son ‘normalmente insignificantes ou nulas’. E no caso do episodio de toxina que se detectou o nove de outubro máis aínda pola ‘sinxela razón de que a meirande parte do molusco que estaba en proceso de comercialización non se perdeu ó poder ser devolto o mar’. Con estas palabras, a directora do Intecmar, Covadonga Salgado, respondeu esta mañá na Comisión de Pesca do Parlamento galego ás acusacións de desamparo ó sector tralo peche preventivo de bateas decretado a principios de outubro. As increpacións viñan dos deputados na oposición. O socialista José Ramón Val botou en cara á directora do Intecmar que actuaran de xeito ‘improvisado’ e sen prever medidas compensantorias para os mexilloeiros que tiveron que devolver o produto recollido ó mar, ou os mariscadores, caso dos de Noia, que quedaron coas mans valeiras só un día despois de iniciar a campaña. Tanto Val como o parlamentario de AGE Juan Fajardo responsabilizaron desta situación á política de recortes practicada pola Xunta no centro de investigación. Covadonga Salgado negou este punto asegurando que nin houbo recortes ‘en pagas extras nin en persoal’. Desde as filas nacionalistas, Daniel Rodas lamentou que no Intecmar non se realicen mostreos nas fins de semana, posto que ‘os dous últimos episodios –asegurou Rodas- coincidiron en fin de semana e foron un desastre’. Covadonga Salgado rebateu o argumento asegurando que no Intecmar traballan sábados e festivos seguintes a días laborables, aínda que recoñeceu que nestes casos só se fan mostreos de xeito ‘extraordinario’. Ante as acusacións de teren actuado de maneira irresponsable nas xornadas que rodearon ó peche masivo de polígonos, a titular do Instituto relatou de xeito exhaustivo o volume de análises que se fixeron entre o luns 30 de setembro e o martes oito de outubro. 408 en total, chegando a facerse nun só día 109. Segundo Covadonga Salgado, as queixas do sector mexilloeiro por teren que devolver o produto ó mar están infundadas e son unha constante, asegurou a técnica, cada vez que se decreta un peche de polígonos por marea vermella. En canto á solicitude de axudas en compensación por posibles perdas, a directora do Intecmar lembrou que o Fondo Europeo de Pesca establece como requisitos para a concesión de subvencións que tiveran pasado catro meses de inactividade ou se perdera un 35% do volume anual de negocio por mor do episodio de toxina. ‘De cumprirse estas condicións –sentenciou Salgado- serán atendidas’.