Pontevedra recibe un novo premio, desta volta dende Hong Kong

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/06/novo_premio_pontevedra.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/10outubro/06/novo_premio_pontevedra.mp4{/flowplayer}

 

PONTEVEDRA> O 2015 despedirase como o ano máis internacional para Pontevedra. O alcalde anunciou esta mañá que a cidade recollerá outro premio polo seu modelo, desta volta en Hong Kong. A finais de novembro a urbe chinesa acollerá o Premio Cidade de Mobilidade Intelixente, que recoñecerá a aposta pontevedresa na categoría de Deseño e Planificación urbana.

O 2015 despedirase como o ano máis internacional para Pontevedra. En febreiro, a cidade recollía o premio ONU Hábitat en Dubái, en recoñecemento do seu modelo centrado nas persoas.  Pronto, en maio, o alcalde agradecía dende Nova York a concesión do galardón á excelencia que entrega o Centro para o Deseño Activo. Hoxe o concello recibía outra boa nova: un novo premio chegado dende Hong Kong.

Cada ano, a urbe chinesa acolle a celebración do Premio Cidade de Mobilidade Intelixente, que recoñece as cidades de Europa e Asia que destacan polo seu compromiso. Pontevedra será a cidade europea que recolla o galardón na categoría de Deseño e Planificación urbana.

Antes de coñecer a concesión do premio, o concello xa tiña previsto asistir como poñente invitado pola organización. Serán o xefe da Policía Local, Daniel Macenlle, e o alcalde os que formen a delegación que recollerá o galardón na cerimonia que se celebrará en Hong Kong o vindeiro 24 de novembro. Ese día cumprirase un ano do anuncio da decisión da ONU de entregar a Pontevedra o Premio Internacional de Dubái.